Saturday 04 de May de 2024

Ruiz proporá ao pleno da corporación de Riveira a redución e a conxelación de impostos e taxas para o ano 2016


Perceptores da Risga terán bonificacións en servizos urbanos

Manuel Ruiz, alcalde de Riveira, mantivo no día de onte unha reunión cos voceiros dos distintos grupos municipais na que lles informou da proposta que ten intención de someter á consideración da Corporación no vindeiro pleno ordinario do mes de outubro en relación ás taxas e impostos municipais para o ano que vén: proposta que pasa pola conxelación e a redución dos tributos, ademais da introdución dunha serie de bonificacións dirixidas a persoas en risco de exclusión social.

Neste senso, e polo que atinxe aos impostos de carácter municipal, dos catro existentes dous serán reducidos: o Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM) e o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), que diminúen un punto respectivamente.

Mínimo legal
Cómpre destacar que o Imposto de Bens Inmobles (IBI) xa está no mínimo legal (0,4%), sendo Riveira o único municipio da comarca que disfruta da porcentaxe máis baixa posible, mentres que o Imposto de Actividades Económicas (IAE) tamén queda conxelado.

Polo que se refire ás taxas, non variarán con respecto ao presente exercicio agás a correspondente ao mercado. Ademais, os veciños que perciban a Risga (renda de inserción social de Galicia) terán unha bonificación do 50% nas taxas correspondentes aos servizos urbanos de abastecemento de auga, recollida de lixo e alcantarillado.